.

.

domingo, 25 de mayo de 2014

A EXTRAORDINARIA DESPEDIDA DE IBN BATUTA

Os  deixo hoxe a historia doutro Adolfo do século XIV, o infatigable Ibn Batuta, narrada de forma fantástica por dous amigos da causa aventureira...


Se ben é case un descoñecido para os occidentais, podería decirse que Ibn Batuta foi o Marco Polo do mundo musulmán. E a casualidade quixo que Ibn Batuta saíse da súa casa en dirección á Meca xusto un ano despois da morte de Marco Polo, coma se decidise substituir a ese outro infatigable viaxeiro cristián.

Foi así que certo día de 1325 este xove de 20 anos abandonou a cidade marroquiana de Tánxer con intención de cumprir o mandato musulmán de visitar a Meca alomenos unha vez na vida. Era moi probablemente a primeira ocasión na que deixaba a súa casa. Viaxaba sen apenas recursos económicos nin fortuna persoal. A única axuda coa que contaba era a rede de hospitalidade que existía entre os musulmáns para axudar os peregrinos de tódolos recunchos do mundo que ían á Meca.

O extraordinario non era sair de peregrinación á Meca, pois miles de musulmáns o facían cada ano nesa época. O extraordinario daquel día era que Ibn Batuta non deixaría de camiñar ata 1354, case trinta anos despois da súa partida, tras visitar todo o mundo musulmán da época, así como as máis remotas rexións de África, Europa e Asia, ata chegar a China. A relixión de Alá atopábase nese século estendida por eses tres continentes.

Infatigable, intelixente, curioso, valente, culto; Ibn Batuta, o gran viaxeiro do século XIV, a época do gran esplendor cultural do Islam, fixo tres longos itinerarios: no primeiro, que durou sete anos, percorreu toda a costa Norte de África, pasando por Exipto, Siria, Palestina, Damasco e Medina, ata chegar á Meca. Algunha teima fixo que non regresase ao seu fogar, tal e como facían todos os peregrinos. En lugar diso fíxose profesor de teoloxía e máis tarde decidiu unirse a unha caravana que facía a viaxe de regreso a casa... pero en dirección contraria. 

E así, no segundo itinerario, percorreu a Ruta da Seda, cruzando os actuais Irak e Irán, chegando ao Kurdistán, pasando tamén por Sudán, Yemen, Zanzíbar e Mombasa, desviándose logo en dirección a Asia por Anatolia (na actual Turquía), Crimea, Astracán, o estado hindú de Kelara, parando nas Maldivas (ao sur da India), e establecéndose uns anos en Delhi para logo viaxar a Sumatra, Ceilán, Vietnam e Fuxián, na China. Neste segundo periplo tivo varias esposas, concebiu algúns fillos e foi nomeado xuiz, lexislador e embaixador. Tratou con sultáns e emperadores, viviu en palacios, coñeceu xente humilde, visitou os maiores mercados da época, cruzou interminables desertos, sobreviviu a varios naufraxios e asaltos, escapou da guerra, coñeceu varias epidemias de peste e librouse da morte en inumerables ocasións. Todo iso en apenas catorce anos.

En 1349 xa levaba vintecatro anos sen voltar a casa. Foi entón cando debeu sentir saudade do fogar, e decidiu emprender viaxe de regreso. A viaxe de volta levaríalle seis anos: non podía ser doutro xeito tratándose dun temperamento para o cal a millor ruta entre dous puntos é a máis longa. O regreso o fixo por Damasco, Cerdeña, Xibraltar, Ronda, Málaga e Granada. De camiño enterouse da morte do seu pai e da súa nai. Ainda así, escolleu desviarse polo interior do continente africano, en dirección a Mali, visitando Tombuctú e navegando o río Níxer, que el pensaba que era o Nilo. Finalmente, en 1354 chegou a Tánxer, de onde partira case trinta anos antes. Nese intre tiña 50 anos e percorrera máis de 120.000 kilómetros a pe, a cabalo, en carro ou en barco.

Foi alí, en Tánxer, onde un sultán lle pediu que escribise a súa vida. O relato da súa viaxe o coñecemos grazas ao libro 'Ao través do Islam', que foi quen de dictar a un sabio da época.


  
A vida de Ibn Batuta (1304-1369) é unha das máis extraordinarias e abraiantes da súa época, e probablemente de tódalas épocas. É tamén un exemplo de adaptación, de imaxinación, de intelixencia e de superación. Probablemente nin Ibn Batuta fose consciente do que ía facer aquel día de 1325 cando saiu de casa por primeira vez para facer a peregrinación á Meca. Xamais saberemos que pulo lle empurraba a camiñar sempre nalgunha dirección nova. E non parece que a viaxe a tivese programada: máis ben semella que a cada paso que daba improvisaba o seguinte, e que cada problema xurdido era a porta que abría un novo camiño cara adiante.

Ibn Batuta lémbranos que a vida é un resumo de pasos, máis ca unha traxectoria; un camiño cheo de curvas e decisións, máis ca unha liña recta, unha improvisación, máis ca unha programación. Ensínanos que o fogar é un lugar ao que voltar, non tanto o lugar no que permanecer. Lémbranos que a adaptación ao cambio é a chave da supervivencia, e que, polo xeral, en todas partes pode un atopar razóns para vivir feliz, sexa con moito ou sexa con pouco, baixo o Sol ou no medio da treboada, e aínda que o camiño se faga, como el mesmo dicía, ''so, sen compañeiro con cuxa amizade aledarme, e sen caravana á que xuntarme''.

Audentes iuvat fortuna
( la suerte ayuda a los audaces )
Virgilio

Isabel N., profesora de Español.
Eduardo F., profesor de Filosofía.

Acta est fabula .


2 comentarios:

  1. Ya me tenía a mi este post un estilo muy "ferrolano"... Muchas gracias a los dos por la información!

    ResponderEliminar
  2. Compararme a mi con ese abrazafarolas...

    ResponderEliminar